Medio Ambiente e a Federación Galega de Espeleoloxía colaborarán para mellorar o protocolo de autorizacións de acceso a cavidades naturais localizadas en zonas protexidas

20/01/2019

Línea Verde

info@lineaverdemunicipal.com

A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, reuniuse con representantes deste organismo, que se comprometeron a compartir datos con información física, biolóxica e xeolóxica sobre as covas galegas

A Xunta estudará a posibilidade de cooperar cos espeleólogos nalgún estudo de investigación ou en proxectos para a limpeza interior destes espazos

O encontro enmarcouse dentro da rolda de contactos iniciada polo departamento de Medio Ambiente para falar do Plan Reitor de Uso e Xestión do Parque Natural Serra da Enciña da Lastra, unha zona de notable interese espeleolóxico 

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e a Federación Galega de Espeleoloxía colaborarán co fin de mellorar o protocolo de autorizacións para poder visitar cavidades naturais que estean localizadas en espazos protexidos. Este foi o principal acordo da reunión que mantivo a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, con representantes desta federación, que porán a disposición da consellería información recompilada durante anos sobre a localización e as características das cavidades naturais da comunidade.

Cómpre lembrar que os principais recursos de interese espeleolóxico en Galicia atópanse concentrados nas provincias de Lugo e Ourense e aínda que en moitos casos o acceso a estas zonas é libre, cando as cavidades se atopan en zonas catalogadas con algún tipo de figura de protección, a Consellería de Medio Ambiente debe autorizar o acceso previamente.

Así ocorre, por exemplo, no caso das covas da Serra da Enciña da Lastra, un espazo de alto valor ecolóxico como acredita a súa condición de Parque Natural e Zona de Especial Conservación (ZEC) e no que as visitas e o acceso aos recursos espeleolóxicos están sometidos á autorización da xefatura territorial de Ourense de Medio Ambiente.

De feito, a reunión coa federación enmárcase dentro da rolda de contactos aberta pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural con diferentes colectivos para falar dos futuros plans reitores de uso e xestión (PRUX) dos parques naturais, que actualmente se atopan en tramitación. No caso do PRUX da Serra de Enciña da Lastra, unha zona moi frecuentada polos afeccionados á espeleoloxía, o colectivo amosouse moi interesado, desde o momento en que o plan se someteu a participación pública, en coñecer as súas principais novidades, así como os aspectos relativos á regulación do acceso ás covas.

Neste sentido e grazas ao acordo alcanzado coa Federación Galega de Espeleoloxía para poñer a disposición da Xunta datos físicos e biolóxicos, a Consellería de Medio Ambiente levará a cabo unha mellora e actualización do protocolo para autorizar as visitas a cavidades situadas en Rede Natura ou noutros espazos protexidos, como é o caso deste parque natural.

Así, o obxectivo será aproveitar toda a información coa que conta o colectivo (listado de cavidades, localización de bocas de entrada, topografía, estado de conservación, presenza de posibles materiais contaminantes, etc) para introducir novos criterios á hora de autorizar os accesos, máis axustados á realidade e ás condicións concretas de cada unha das covas.

Cooperación en futuro estudos e proxectos

Outro dos asuntos abordados na reunión entre a directora xeral de Patrimonio Natural e o presidente da Federación Galega de Espeleoloxía, Francisco Manuel Martínez, foi a posibilidade de establecer novas liñas de colaboración entre ambos organismos para promover proxectos ou estudos de investigación no eido da espeleoloxía. Así, a modo de exemplo, propúxose como posible iniciativa a futuro a realización de accións conxuntas nalgunhas cavidades para eliminar materiais depositados polo home e restos contaminantes, ou a realización de estudos da fauna.

Por último, os representantes da Federación Galega de Espeleoloxía tamén aproveitaron o encontro para informar a Belén do Campo dos diferentes proxectos deportivos, técnicos e científicos que están a desenvolver algúns dos clubes que a integran en cavidades localizadas en Rede Natura 2000, polo que se comprometeron a trasladarlle os avances e conclusións que se vaian acadando.

Xunta de Galicia

Actualidade ambiental

Cerrar [X]Uso de cookies

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y recopilar datos estadísticos sobre hábitos de navegación. El uso de cookies es necesario para la notificación de incidencias. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra Política de cookies