A rede de estacións urbanas da Xunta detecta unha mellora nos niveis de ruído nocturno en zonas residenciais e con tráfico

25/04/2018

Línea Verde

info@lineaverdemunicipal.com

A Consellería de Medio Ambiente dá a coñecer un avance do sexto Informe de Ruído Ambiental, que analiza a situación acústica do ano 2017 a partir dos datos recollidos en zonas puntuais das sete grandes cidades galegas

Galicia é unha das comunidades autónomas do Estado máis avanzadas en canto á adaptación e sensibilización fronte á contaminación acústica

Hoxe conmemórase o Día internacional da Concienciación sobre o Ruído

Os índices de ruído rexistrados o ano pasado pola rede de sonómetros da Xunta revelan unha lixeira mellora da situación nas zonas residenciais e nas sometidas a tráfico rodado. Esta é unha das principais conclusións do avance do Informe de Ruído Ambiental que hoxe dá a coñecer a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio con motivo do Día Internacional da Concienciación sobre o Ruído.

Aínda que en termos xerais o informe conclúe que os valores de 2017 se manteñen en niveis similares aos de anos anteriores, constata tamén unha situación de mellora relativa en zonas de tráfico rodado así como en áreas residenciais ao detectarse, ao igual que o ano anterior, unha mellora no ruído nocturno. Esta situación está relacionada cunha diminución dos valores extremos derivados da celebración de eventos de ocio.

Precisamente, o ocio figura no informe como un dos factores destacados na produción de contaminación acústica nas áreas urbanas analizadas, sobre todo a derivada daqueles acontecementos que se desenvolven en horario nocturno. Segundo conclúe o documento, o ruído provocado por este tipo de eventos xunto co tráfico rodado seguen a ser os principais axentes de contaminación acústica de Galicia.

Os fenómenos climatolóxicos tamén afectan aos niveis de ruído. Así, o avance do Informe de Ruído Ambiental de 2017 constata que o evento máis destacado durante o ano pasado foi a conxunción de tres temporais (Jürgen, Kurt e Leiv) que azoutaron Galicia a comezos do mes de febreiro, provocando unha variación dos niveis de ruído de 15 decibelios durante 2 días.

O obxectivo deste informe, o sexto dunha serie que comezou no ano 2012, é analizar a situación acústica en zonas urbanas puntuais, elixidas por considerarse representativas dunha cidade tipo de Galicia. Así mesmo, os valores incluídos no informe refírense unicamente ao ruído a pesar de que a contaminación acústica abrangue tamén a presenza de sons ou vibracións no medio ambiente.

Medidas para diminuír o ruído

Hoxe conmemórase o Día Internacional da Concienciación sobre o Ruído, un problema ante o que cómpre lembrar que Galicia se sitúa como unha das comunidades autónomas máis avanzadas de España no que atinxe á adaptación e sensibilización fronte á contaminación acústica. Así, a Xunta conta cunha rede de observación autonómica dos niveis de ruído integrada por 9 estacións urbanas e conta cunha ampla lexislación ao respecto.

Entre as medidas de protección fronte ao ruído máis eficaces para mellorar a calidade de vida e facilitar o progreso das sociedades figuran a redución do tráfico e a limitación da velocidade de circulación dos vehículos, un bo asfalto, a promoción de medios de transporte non contaminantes, a implantación de barreiras antirruído ou a elección de materiais illantes, xunto co compromiso social no cumprimento da lexislación.

Xunta de Galicia

Actualidade ambiental

Cerrar [X]Uso de cookies

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y recopilar datos estadísticos sobre hábitos de navegación. El uso de cookies es necesario para la notificación de incidencias. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra Política de cookies