Noticias e alertas

O Concello aproba a plantación de arboredo en 5,1 hectáreas de terreo público nas Gándaras e O Ceao

17/04/2017

Trátase dunha nova acción do proxecto Lugo+Biodinámico, que contempla a semente de 4.510 exemplares de pradairo, carballo, cerdeira e freixo en 4,1 hectáreas e de dúas especies de alta rendibilidade enerxética nunha hectárea

A iniciativa “contribuirá a facer de Lugo un modelo de cidade verde e punteira na promoción dun mellor aproveitamento forestal, o que aumentará a calidade de vida dos veciños e abrirá novas oportunidades económicas”, subliñou o voceiro

A Xunta de Goberno aproba a contratación do subministro de 10.000 tarxetas cidadás cun orzamento de 33.000€, o que permitirá volver a expedir o dispositivo

A Xunta de Goberno aprobou este mércores unha nova acción do proxecto Lugo+Biodinámico que consiste na plantación de 5,1 hectáreas de terreo público no entorno dos polígonos das Gándaras e O Ceao con frondosas autóctonas para a produción de madeira de alta calidade e con especies de elevada eficiencia enerxética para xerar biocombustibles, segundo explicou o voceiro municipal, Miguel Fernández.

Esta iniciativa, subliñou o concelleiro, “contribuirá a facer de Lugo un modelo de cidade verde, cun urbanismo sostible e punteira na implantación de medidas en favor dun mellor aproveitamento forestal, o que aumentará a calidade de vida dos veciños e abrirá novas oportunidades económicas”.

A nova acción do Life contempla dúas liñas de actuación (adxúntase plano):

- O acondicionamento de tres parcelas demostrativas para silvicultura de frondosas autóctonas, que producen madeira de alta calidade. Plantaranse 4.510 exemplares de pradairo, carballo, cerdeira e freixo en 4,1 hectáreas de terreo: 2 delas nas Gándaras e as outras 2,1 no Ceao.

- O acondicionamento dunha área demostrativa para experimentar con cultivos enerxéticos para a produción de biocombustibles sólidos en formato de estelas. Plantarase 1 hectárea no polígono das Gándaras con chopo e con miscanthus giganteus, un pasto cun alto rendemento en biomasa. Esta madeira utilizarase como combustible para o edificio de consumo enerxético cero que se prevé tamén habilitar no marco do Lugo+Biodinámico.

Os traballos consisten na preparación do terreo, a plantación e o peche perimetral das superficies obxecto da actuación con malla cinexética.

Unha vez aprobado hoxe na Xunta de Goberno este proxecto, poderase iniciar xa a súa execución. O orzamento é de 59.427,31€ e o prazo para sacalo adiante, de 9 meses. O plan foi elaborado polo Servizo de Parques e Xardíns do Concello, en colaboración coa Universidade de Santiago, socia no plan Life, e a entidade que se ocupará de acometer as actuacións.

Lugo+Biodinámico conta cun orzamento de 3,5 millóns de euros, achegados nun 50% polo plan Life e noutro 50% polo Concello, Deputación, Universidade de Santiago e Universidade Politécnica de Madrid. O obxectivo é desenvolver novidosas actuacións en favor dun urbanismo sostible e dun mellor aproveitamento da riqueza forestal, a nivel económico e ambiental, o que mellorará a calidade de vida dos veciños, fará de Lugo unha cidade máis verde e abrirá novas oportunidades económicas aproveitando a madeira como elemento estrutural construtivo.

A plantación de frondosas autóctonas e especies de alta rendibilidade enerxética é a segunda actuación emprendida no marco deste plan, tras aprobar a creación dun souto de castiñeiros autóctonos, uns traballos que xa están en marcha. De feito, finalizou a preparación da terra e nos vindeiros días procederase á plantación.

Tarxeta Cidadá

A Xunta de Goberno aprobou tamén na reunión de hoxe a contratación do subministro de 10.000 tarxetas cidadás para o Concello, o prego de cláusulas administrativas, o gasto e a adxudicación por procedemento aberto. As primeiras 2.500 tarxetas deberán ser entregadas nun prazo de un mes a partir da formalización do contrato, mentres que as restantes serán entregadas en lotes de 2.500 aos tres, seis e nove meses. O importe é de 33.000 euros, 3,30 euros cada tarxeta.

O Concello publicará o anuncio de licitación no Boletín Oficial da Provincia (BOP), así como no perfil do contratante da web municipal (www.lugo.gal) O prazo de presentación de proposicións será de 15 días naturais, contados dende a publicación do devandito anuncio no BOP.

A Tarxeta Cidadá é un dispositivo intelixente multiservizo, que lle permite aos usuarios identificarse e facer uso dos servizos municipais dun modo máis rápido e sinxelo. Máis de 20.000 persoas solicitaron a tarxeta dende a súa posta en funcionamento, no ano 2011. A contratación do subministro de 10.000 unidades aprobada hoxe pola Xunta de Goberno permitirá volver a expedir este dispositivo tan demandado.

O Garañón

Tal e como avanzou onte a Alcaldesa, Lara Méndez, a Xunta de Goberno tomou razón hoxe da sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que leva consigo a anulación do proxecto urbanístico da unidade de actuación CS-5, co que se abre o proceso para acatar as sentenzas do Garañón e derrubar o edificio.

Fuente: Concello de Lugo

Máis información

Cerrar [X]Uso de cookies

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y recopilar datos estadísticos sobre hábitos de navegación. El uso de cookies es necesario para la notificación de incidencias. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra Política de cookies