Noticias y alertas

O Goberno mantén o reforzo do servizo de bombeiros para atallar posibles rebrotes dos lumes forestais

16/10/2017

Unha dotación de dez bombeiros e tres camións autobomba traballaron onte para controlar, en torno a unha da madrugada, os incendios ocorridos nas Gándaras, a estrada que conduce á Protectora e o entorno do HULA

“Hoxe toca traballar a reo para extinguir os lumes e evitar que a situación persista no tempo; mañá esixiremos explicacións porque hai que dalas”, subliñou a Alcaldesa

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, informou esta mañá, tras unha reunión co sarxento do parque municipal de bombeiros, Miguel Vila, de que os incendios forestais que prenderon na xornada de onte no entorno das Gándaras, Santa María de Muxa (a estrada que conduce ás instalacións da Sociedade Protectora de Animais) e as inmediacións do HULA están controlados, así como da súa decisión de manter durante a xornada de hoxe o reforzo do servizo, con dous efectivos a maiores da quenda habitual –formada por 6 persoas-, co fin de “atallar da maneira máis rápida posible calquera incidencia que poida haber”.

Méndez explicou que os lumes quedaron controlados en torno a unha desta pasada madrugada, con excepción dun rebrote ás cinco da noite no entorno do HULA e outro no camiño que conduce á Protectora sobre as nove desta mañá, que foron rapidamente atallados. Para elo, o Goberno mantivo mobilizados os tres camións autobomba dos que dispón o parque municipal durante toda a xornada de onte –dende primeira hora da mañá ata as sete desta mañá- e, aos 6 efectivos da quenda, sumáronse outros catro a partir das cinco da tarde do domingo ata esta mesma mañá.

O servizo atendeu nestas últimas 24 horas un total de 12 incidencias, 7 delas incendios forestais detectados no polígono das Gándaras, na estrada que conduce á Protectora –en San Salvador de Muxa-, no Carqueixo e no entorno do HULA.

A Alcaldesa agradeceu e puxo en valor o “traballos excepcional” realizado polo servizo municipal para controlar os lumes forestais, tendo en conta ademais que non dispoñen dos medios axeitados para elo, pois, por exemplo, os camións non poden entrar en zonas de monte ao non ser todoterreo.

“Onte e hoxe son días tristes para Galicia. Vivimos unha situación de alerta máxima, que se cobrou a vida de catro persoas. Hoxe toca traballar a reo para solventar a situación. Mañá haberá que pedir explicacións porque evidentemente hai que dalas, e polo tanto, haberá que esixilas”, subliñou a Alcaldesa.

Fuente: Concello de Lugo

Cerrar [X]Uso de cookies

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y recopilar datos estadísticos sobre hábitos de navegación. El uso de cookies es necesario para la notificación de incidencias. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra Política de cookies